Saltar ao contido

Pedro de Monteagudo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaPedro de Monteagudo
Biografía
Nacementoc. 1640 Editar o valor en Wikidata
Cerdedo-Cotobade, España Editar o valor en Wikidata
Morte1700 Editar o valor en Wikidata (59/60 anos)
Actividade
Ocupaciónarquitecto Editar o valor en Wikidata

BUSC: monteagudo-pedro-de-m-1700
Mosteiro de Poio

Pedro de Monteagudo e Piñeiro e Taboada, nado en Santa Baia de Castro, Cerdedo-Cotobade, contra o ano 1640 e finado en 1700, foi un arquitecto galego, e figura do esplendor barroco. Era fillo do mestre canteiro Pedro de Monteagudo e de Dominga de Piñeiro.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Monteagudo construiría algunhas das obras máis relevantes do Barroco galego como son as fachadas dos templos dos mosteiros de San Xoán de Poio, provincia de Pontevedra, e Sobrado dos Monxes, provincia da Coruña. Da súa valía é mostra que fose nomeado "Maestro Mayor de todas las Obras, Castillos y Fortalezas de puertos marítimos" do Reino de Galiza.

Iniciado no oficio seguramente polo seu propio pai, comezou traballando no mosteiro de Oseira, no que xa será citado como mestre arquitecto, lugar no que mesmo se aveciñou coa súa esposa, dada a duración das obras, como parece demostrar o feito de que entrase na confraría de Nosa Señora da Ventela, radicada alí. Aínda que se lle chegou a adxudicar a autoría da fachada occidental da igrexa monacal, actualmente sábese que foi trazada por Francisco de Castro Canseco.

Arredor de 1665, Monteagudo debeu ser contratado para as obras que se viñan realizando no mosteiro de Santa María de Sobrado, a súa obra cimeira. En 1676 rematou a portada occidental do seu templo, e en 1679 as torres que a flanquean. Entre 1689 e 1692 constrúe a capela da Virxe do Rosario, na ala setentrional do cruceiro, que está considerada a súa obra mestra. Cara 1695 parece que debeu deixar Sobrado.

Na fachada da igrexa o autor asina a súa obra (sitúase no frontón por enriba da imaxe da Virxe). Este dato é de grande importancia xa que por primeira vez na idade moderna en Galicia un arquitecto asina a súa obra. Ninguén desde que o fixera o mestre Mateu na Catedral de Santiago reivindicara de tal xeito a súa obra.

Foi pioneiro de facturas e formas que caracterizarían ao barroco galego cun sentido de solidez e elevación incomparables, tal como se pode admirar na fachada da igrexa.

Porén algúns anos antes, en xaneiro de 1691, Monteagudo, logo da poxa aberta correspondente que gaña, pecha o contrato para erguer no prazo dun ano, consonte planos que o Abade lle presenta, a fachada principal da igrexa do mosteiro de San Xoán de Poio, moi preto de "A Boa Vila". O Abade de Poio Pedro Otero encargoulle polo tanto a fachada do templo do mosteiro e pese a que seguiu unha traza discreta Monteagudo non deixou de mudar detalles. Isto xunto outros detalles contractuais que non cumpriu, conduciron a apertura dun preito contra el desde 1695.

No outro ano de 1696, Monteagudo debeu coller as obras da igrexa de Santa Baia de Arealonga, en Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, que non chegaría a concluír por falecemento a principios de marzo do ano 1700. Foi pai dos tamén arquitectos Pedro, Antonio e Francisco.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Rodríguez Fraiz, Antonio, Canteiros e artistas de Terra de Montes e Ribeiras do Lérez. Pontevedra. 1982
  • Rodríguez Fraiz, Antonio, Pedro de Monteagudo e outros canteiros de Terra de Montes e a súa obra nos mosteiros galegos, in Boletín Auriense, Anexo 6. Ourense. 1986, páxs.153-168
  • Tilve Jar, Mª de los Ángeles, El arquitecto Pedro de Monteagudo en la iglesia de Santa Baia de Arealonga (Vilagarcía de Arousa), in El Museo de Pontevedra, nº 44. Pontevedra. 1990, páxs. 431-453